http://bouvard.blogaliza.org/2011/04/05/guion-axeitado/

Guión axeitado

Lois Pereiro. Náufrago do paraíso. Biografía e antoloxía
Marcos Calveiro
Xerais, Vigo, 2011, 150 páxs.

Marcos Calveiro opta polo modelo do guión cinematográfico para ofrecernos unha introdución á vida e á obra de Lois Pereiro. Como é sabido, o poeta era un grande afeccionado ao cine, polo que Calveiro elixe o modelo do guión cinematográfico para realizar dun xeito didáctico unha introdución ao escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Pola vinculación que o poeta homenaxeado tiña co cine, así como por ir este libro dirixido aos nosos estudantes de ESO e Bacharelato, tan familiarizados co audiovisual, cremos que a elección deste formato foi un acerto.

 

Ao xeito dos guións cinematográficos, o texto divídise nun conxunto de escenas onde se presentan momentos, espazos e mesmo familiares e amigos que foron fundamentais na vida de Lois Pereiro. O libro ábrese e péchase con dúas escenas que transcorren con Lois xa morto: a primeira no cemiterio, mentres a avoa e a muller que criou os irmán Pereiro arranxan a sepultura de Lois un ano despois da súa morte; a derradeira, cos trámites que o amigo do poeta, Manuel Rivas, e o seu irmán Xosé Manuel Pereiro realizan para que se lle dedique a Lois o Día das Letras Galegas de 2011. Estas dúas escenas actúan como marco do decorrer vital e creativo do poeta, que se nos presenta no resto das escenas.

Ao longo destas escenas, Calveiro vainos pondo en contacto co paraíso perdido da infancia no Incio, co colexio dos escolapios de Monforte, coas viaxes dos irmáns Pereiro a Lugo (aínda nenos) para acudir ao dentista, pero onde comeza a súa afección á literatura, cos volumes de Verne ou Agatha Christie, que mercan nunha libraría emblemática para todos os galegos que amamos os libros, Souto. O ambiente socioeconómico en que medra Lois e tamen o cultural está moi ben reflectido nas escenas de Monforte dos anos 1972 a 1976: a chegada do 600 ou da televisión, as compras de libros na libraría Mapa (alí o adolescente Lois decide mercar nada menos que O cemiterio mariño de Valery), a atracción pola música, a literatura e mais o cine que senten os rapaces do COU do 74. Nesta etapa, na vida de Lois, vai ser fundamental o seu coñecemento de Piedade Cabo, que será o grande amor da súa vida.

Outro bloque de escenas é o que nos presenta o Lois madrileño, na etapa que vai do 1977 ao 1981. Son anos de contactos coa música rock e punk, coas tardes de ver películas na Filmoteca Nacional, da fundación da revista poética Loia (con Manolo Rivas, Xosé Manuel Pereiro e Antón Patiño), así como da publicación, nesta revista, dos primeiros poemas. É o tempo onde comeza tamén as súas viaxes literarias e literaturizadas por Europa, como polo París onde está enterrado Jim Morrison ou Mélies… Mais todo iso conclúe polo envelenamento co aceite de colza, en 1981, e regresa este ano a Monforte un Lois estragado física e animicamente.

O poeta, desde este momento, vive non como unha máscara literaria, senón como realidade a sensación da dor, da destrución e mesmo de ter como destino a morte. O tópico literario e existencial do home como ser nado para a dor e a morte, que noutros non deixa de ser unha máscara literaria, en Pereiro convértese en realidade. Mais fai literatura, poesía desa realidade e ata esa realidade de dor e saberse nado para a morte é tamén o seu dandismo. O poeta e a obra fanse así inseparables, aínda que poidamos gozar, e moito, da obra, marcada pola dor e pola morte, así como por unha ansia de as superar, sen que coñezamos a súa vida e só a través dos poemas.

A vida do poeta complétase cos anos de enfermidade e dor, especialmente a partir do diagnóstico da sida, causada pola adicción á heroína. Especialmente conseguidas nos parecen as tres escenas que preceden á derradeira. Vemos non só unha persoa asediada pola dor e pola morte, que é consciente de que lle queda pouco, que está realmente condenado, mais tamén dunha persoa que quere vivir e que produce como froito desa tensión uns poemas que resultan inesquecibles para calquera lector, aínda que non coñeza as circunstancias vitais en que foron escritos. Velaí a grandeza da verdadeira poesía.

O libro complétase cunha rigorosa cronoloxía, unha boa achega de fotografías e cunha pequena antoloxía de poemas de Lois Pereiro, que conclúe co célebre epitafio: Cuspídeme enriba cando pasedes / por diante do lugar no que eu repouse / enviándome unha húmida mensaxe / de vida e de furia necesaria. Grande acerto é a elección deste poema para pechar o libro.

Por outra banda, o libro non só nos serve de introdución á poesía de Pereiro, senón tamén aos escritores e mesmo á  xeración que tiña arredor dos dezaoito anos cando morreu o Ditador e que se atoparon, na Transición, cunha situación de libros, películas, viaxes, música, experiencias vitais…, ás que podían acceder sen graves problemas, como non era posible no franquismo.

A morte do Ditador tróuxolle a esta xeración da Transición un vento de liberdade; querían experimentar e gozar todo, desde o cine ou a música rock ata as drogas (sobre estas non había a información que hoxe temos). Moitos queimáronse prematuramente neste ambiente tan osixenado de liberdade, despois de rematar a longa noite de pedra do franquismo. Mais esta labarada non foi inútil, cando nos deixaron unha obra coma a de Lois (e doutros desta xeración que xa son clásicos da nosa literatura). Por iso, recomendamos vivamente a utilización desta obra non só nos centros de Ensino co gallo do vindeiro Día das Letras, senón para que a lean todos os que se queiran achegar á vida, á obra e mais á xeración de Lois Pereiro.

Desde o punto de vista lingüístico (malia que asumimos as críticas dos que din que non cómprefiloloxizar os comentarios de libros) cómpre indicar que o verbo esvaecer en galego non pode usarse como intransitivo: o soño esvaece… (páx. 20). Neste uso, o verbo esvaecer (cun só argumento) debe ser pronominal. Por outra banda, hai castelanismos léxicos como despegar (17) referido a un avión no canto de engalartachar por riscar (páx. 31), gafas (páx. 71). Aparecen así mesmo algúns castelanismos morfolóxicos como uns lentes (páx. 94; en galego é feminino), Lois xurde… (páx. 69, no canto de xorde). Rexistramos casos de teísmo: Sufriches un percance que te fixo padecer en solitario (páx. 86) / non berres ou arrincámoste a cabeza (páx. 30). Mesmo non falta algún castelanismo ortográfico: víctimas (86).

Xa que logo, moi boa introdución á vida e á obra do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Por outra parte, non se tomen a mal os nosos comentarios sobre a corrección/incorrección dalgunhas formas, pois o galego é unha lingua que se normativizou hai moi pouco tempo e unha misión dos profesores de lingua é espallar as propostas normativas. Asumimos que os escritores non son filólogos nin profesores de lingua. Mais para iso estamos os profesores…, pois o galego está tan ameazado polo castelán que todos os esforzos son poucos nesta procura do que agora se chama un galego identificado.

Manuel Rodríguez Alonso

Por PILAR
Escribir un comentario - Ver los 0 comentarios
Volver a la página principal

Pilar Fdez Iglesias

De que vai este blog...

Crear un blog en OverBlog - Contacto - C.G.U - Remuneración por el programa "Gana con tu Blog" - Reportar un abuso - Artículos más comentados