A palabra exacta. Biografía de Lois Pereiro
Antón Lopo
Galaxia, Vigo, 2011, 185 páxs.
Antón Lopo dedica este libro a unha análise da vida e mais da obra de Lois Pereiro, mais faino acertadamente a partir das opinións-entrevistas, convenientemente literaturizadas polo biógrafo, das persoas do ambiente de Lois, comezando pola nai e os irmáns. O mesmo procedemento segue para a avaliación da súa obra, en que achega distintas opinións sobre a obra do poeta homenaxeado este ano no Día das Letras.
A través da testemuña da nai, Lopo ponnos en contacto cos fitos fundamentais da vida de Lois: os antecedentes familiares, a etapa escolar nos escolapios, os estudos abandonados de Socioloxía, así como coa terrible experiencia da intoxicación polo aceite de colza.
O irmán Xosé Manuel trázanos a vida da infancia, a relación cos avós ou as vacacións no Incio. Sinala que nestes anos infantís a lingua de instalación dos dous irmáns era o castelán. É de salientar que moitos membros da xeración de Pereiro, nados no remate dos cincuenta ou nos comezos dos sesenta, foron educados polos pais no castelán, mais ao chegaren á adolescencia asumiron o galego como lingua propia, como signo identitario, mais tamén como sinal de progresismo. O irmán do poeta sinala o seu dandismo, así como o seu anarquismo galeguista.
A visión do grande amor do poeta, Piedade Cabo, amósanos a mentalidade dos rapaces preuniversitarios dos anos 1974-1975, data da morte de Franco, en que se unía a afección pola literatura, o cine, a música rock anglosaxoa ou a entrada en contacto coa literatura galega. Deseña perfectamente a máscara ou personaxe literario que intentaba xa daquela compor Lois Pereiro: o dandismo e o malditismo, seguindo de perto a Rimbaud, Baudelaire…, mais tamén a Manuel Antonio: Quero ser Manuel Antonio, un poeta fabuloso que morreu novo, que deixou un só libro e dixo que nunca escribiría unha palabra en castelán (páx. 56).
Todo un programa vital e estético, que o poeta Lois Pereiro logrou cumprir. A través desta entrevista-interpretación de Piedade Cabo coñecemos o período madrileño de Lois, a época de Loia, en plena Transición democrática, coas interminables sesións de cine na Filmoteca Nacional de Madrid e os paseos polo Rastro. Xa o poeta asumira o seu dandismo, un certo malditismo, así como o seu anarquismo galeguizante. Por fin, non poden faltar ás referencias ás viaxes culturais por diversos lugares de Europa: o París onde está enterrado Jim Morrison, a Irlanda de Joyce… A viaxe en Pereiro estaba marcada pola cultura.
A través do seu amigo Fernando Saco tócase, entre outros temas, o problema da adicción á heroína de Lois. Dun xeito acertado, inscríbese dentro do ámbito de liberdade e de absoluta experimentación de todo que procuraron os universitarios e mozos do tempo da Transición. Os que fixeran o bacharelato nos derradeiros anos da ditadura de Franco, de golpe víronse na liberdade da Transición e había que experimentalo todo, incluída a droga. A falta de información fanou toda unha xeración. Cremos que este capítulo é un acerto no só para trazar a figura de Pereiro, senón tamén a da xeración dos universitarios e mozos da Transición.
A testemuña do escritor e xornalista Manuel Rivas (compañeiro do xa mítico piso do Paseo de Estremadura no Madrid da Transición e dos anos da publicación da revista poética Loia) céntrase especialmente na experiencia madrileña, así como na interpretación da enfermidade e da adicción. Rivas define este malditismo do poeta dunha forma moi axeitada: Posuía a aristocracia da alma… Había unha estética no vestir, no físico… A adicción e a enfermidade formaban parte do seu santuario… (páx. 116).
A testemuña da irmá Inés pecha a serie das entrevistas literaturizadas sobre a biografía do poeta. Alí vemos un rapaz que aos quince anos no seu Monforte natal le o Ulises. Asistimos tamén aos momentos difíciles da etapa final do poeta, aos anos que van do 94 ao 96, onde sabe que efectivamente é un ser para a morte, mais tamén neses dous anos supera a súa adicción e tenta superar a morte coa creación poética (non renuncia a dar o seu derradeiro recital de poesía pouco antes do falecemento) ou nunca abandona o dandismo. É a figura de quen une perfectamente literatura-vida e tenta ser poeta a tempo completo e non poeta-profesor, poeta-funcionario, poeta-xornalista. Pereiro, coma os grandes, elixiu ser poeta as vinte e catros horas do día os trescentos sesenta e cinco días do ano.
A segunda parte deste estudo presenta as opinións de distintos críticos sobre a obra poética de Lois Pereiro, comezando polo seu antólogo Daniel Salgado, o poeta dos noventa Xavier Cordal, o crítico e poeta dos oitenta X.M. Álvarez Cáccamo, Lino Braxe e Hugo Martín Rodríguez. Remata o libro cunha suposta entrevista ao propio Lois, en que o poeta se define a si mesmo.
Xa que logo, estamos ante unha introdución moi boa á vida e á obra do poeta homenaxeado noDía das Letras deste ano. Foxe do ton haxiográfico e resulta interesantísima a súa lectura non só para entender a vida e a obra de Lois Pereiro, senón tamén a xeración das persoas que eran mozos nos tempos da Transición, que pasaron, cando cumpriron a maioría de idade, do instituto á universidade, da ditadura franquista ás liberdades da Transición. É a xeración que pasou das películas da televisión franquista en branco e negro ao cine sen censura ou a todo tipo de textos literarios, á música que se facía daquela en Europa e Estados Unidos, mais que tamén tiveron que loitar contra a praga da droga, sen experiencia previa sobre as adiccións. Xa que logo, obra para comprender mellor ao homenaxeado no Día das Letras Galegas, pero tamén para sabermos desa xeración que denominamos aquí os mozos da Transición.
Só queda dicir que esta biografía cumpre moi ben co seu papel, que debe ser o de achegarnos á lectura da obra de Lois Pereiro, que é facilmente accesible tanto na antoloxía que publicou a propia editorial Galaxia, debida a Daniel Salgado, como na poesía completa publicada por Xerais, ao coidado de Ana Acuña, obras das que falaremos aquí en próximos días.
Manuel Rodríguez Alonso



